Esta mañá reuníronse no salón de plenos do Concello de Carnota o alcalde, a tenenta alcalde, a técnica de Turismo do Concello e os membros da directiva da Asociación de Empresarios de Carnota, co fin de establecer unha coordinación conxunta neste proceso de desescalada.

A Asociación de empresarios facilitou información sobre a previsión de apertura dalgúns dos negocios e as condicións de apertura, logo de terse publicado onte as 12 guías cos protocolos anti Covid-19 elaborados polo Instituto de Calidade Turística (ICTE) e validadas por Sanidade.

O Concello de Carnota, por outra parte, acordou apoiar nas tarefas de comunicación online sobre a apertura progresiva de negocios locais e encargarase ademais do deseño dunha campaña de concienciación dirixida aos usuarios dos establecementos carnontáns, na que se especificarán unhas recomendacións básicas de prevención do contaxio da COVID 19 nos negocios.

Todos os presentes coincidiron en que a saúde das veciñas e dos veciños de Carnota debe ser a prioridade neste momento, polo que dende o Concello de Carnota, unha vez máis, insistimos en que non debemos baixar a garda e débense continuar tomando as medidas de prevención necesarias para que poidamos saír o menos prexudicados posible desta pandemia.

Para valorar a evolución e acordar medidas máis concretas, volverase a realizar outra reunión de forma presencial ou en liña dentro de quince días.