Historia

Nas terras carnotanas, ao longo da súa xeografía, atopamos numerosos restos prehistóricos coma os petroglifos, o que denota que a historia desta vila comezou hai moitos séculos. Algúns estudosos afirman que o topónimo Carnota precede da voz celta carn ou corn que significa “pedra”. O topónimo do Pindo fai coincidir a varios autores cunha orixe grega, pois na antiga Grecia había un monte que respondía ao mesmo nome. Da etapa castrexa atopamos dous castros sitos en Mallou e Lira. Na Idade Media construíronse fortalezas coa finalidade de frear as incursións das que era obxecto, e foron logo derruídas polas revoltas irmandiñas e nunca foron reconstruídas. As fortalezas estiveron encravadas nas parroquias de Lira e O Pindo.

A capital do concello inicia a súa andadura  a partir do século XVII, momento no que xorde o núcleo de Carnota  e que durante moito tempo tributou con rendas en especie a Igrexa de Santiago. A capital do municipio ten o título de vila dende 1900.

A comezos do século XIX , durante a guerra da Independencia , sufre constantes saqueos  por parte dos invasores franceses e a queima dos arquivos parroquiais, o que supuxo a perda de moita documentación histórica.

En xeral, a súa historia está moi vinculada ao mar, que foi a base fundamental da súa economía e que marcou a fisionomía do pobo dándolle un carácter amable, solidario e acolledor ás xentes (como así quedou demostrado no naufraxio do George C, do Ariete e na catástrofe do Prestige). Debido á valerosa acción protagonizada polos habitantes recoñecéuselle o título de “Moi humanitaria” ao salvar á tripulación do barco “Ariete”, que embarrancou na costa de Lira. O suceso produciuse o 25 de febreiro do 1966.