Festas e celebracións
Entroido
O Entroido ou Carnaval é unha festa de orixe medieval que comprende os tres días que preceden a Coresma. Como se desprende do propio étimo da palabra (lat.introitum “entrada”) esta festividade supón a despedida do tempo carnal e a entrada na abstinencia coresmal. Entroido en Carnota
No entroido enxálzase todo o que a Coresma prohíbe: a comida e a bebida abondosa, a luxuria, a diversión e, en xeral, o goce da vida, en oposición á abstinencia e ó xaxún coresmais. Ó longo de toda Galicia celébrase o Entroido con comidas extraodinarias a base de cocido con carne de porco abundante e sobremesas típicas desta festividade, como son as filloas ou as orellas.
As rúas énchense de entroidos (xente disfrazada) que ridiculizan as distintas capas sociais, os oficios, cargos públicos e institucións e que teñen licenza para facer o que o resto do ano non está permitido.
En Carnota o carnaval é personificado mediante un boneco de palla coñecido como “Entruido” ou “O Nicolás”, que se pasea polo concello durante os tres días da festa. O último día, o martes de Entroido, procédese á queima do Nicolás mentres se pronuncia un tradicional sermón no que se fai un repaso crítico dos sucesos máis relevantes acontecidos no municipio. Con isto, ponse punto final a festa tradicional, que a veciñanza agarda con entusiasmo durante todo o ano.
San Xoán
A festividade de San Xoán, intensamente arraigada na sociedade carnotá, celébrase no solsticio de verán. O sol xoga un papel fundamental nesta celebración e existe a crenza popular de que baila no ceo ó amañecer. San Xoán
Ademais do sol, outro elemento fundamental na celebración do San Xoán é a auga, empregada simbolicamente para purificar a alma. O 23 de xuño, véspera de San Xoán, as xentes de Carnota deixan preparado un recipiente con auga e herbas aromáticas, coñecidas como herbas de San Xoán (fiúncho, herba Luísa, asentes, ruda, romeu, etc.), co fin de que co seu recendo repelan o mal, que nesta noite acomete con máis forza que en ningunha outra. O ideal é deixalas ó sereno, para que sobre elas caia o resío e lles confira un poder purificador. Na mañá seguinte, emprégase esta auga para lavarse co fin de limpar a alma de impurezas e curar ou previr enfermidades.
A noite de San Xoán, o 23 de xuño, é a noite de bruxas por excelencia e como defensa contra elas ademais da auga e das herbas emprégase o lume. Os veciños do municipio reúnense esta noite en torno a unha cacharela, arredor da que se organiza unha festa multixeracional na que ó tempo que se comen sardiñas asadas con boroa e viño do país, fortalécense os lazos veciñais. Trala festa, a xuventude ten por costume escenificar o ataque do mal mediante a representación do caos e o desorde. Na noite de San Xoán todo está permitido: arrancarlle a cancela ó veciño, levarlle o carro ó adro da igrexa ou a un lugar moi transitado, cravar as portas para que os veciños non poidan saír, cambiar os indicadores dos establecementos… Trátase, en definitiva, dunha forma clara de atacar a orde Social.
As Festas Parroquiais
O Concello de Carnota divídese en cinco parroquias, que dedican polo menos cadansúa festa ó seu patrón ou patroa ó longo do ano.
Normalmente na véspera anúnciase a festa con foguetes, gaiteiros e coa celebración dalgunha actuación musical ou teatral acompañada da típica sardiñada. Os días da festa a veciñanza esperta co estrondo dos foguetes e coa música dos gaiteiros ou bandas de música que percorren as rúas tocando “A Alborada”. Durante a mañá celébranse diversas misas na honra do patrón ou patroa e, tras unha procesión, varios grupos musicais amenizan un baile, onde participan as xentes da parroquia e os visitantes.
No xantar é habitual que se reúnan familiares de distintos lugares e que a comida se prolongue ata ben entrada a tarde. Pola noite celébrase unha verbena ó aire libre que non remata ata ben entrada a madrugada.
Ademais das festas patronais cada vez adquiren máis relevancia no noso territorio as festas relacionadas coa cultura e a gastronomía propias, tanto entre a veciñanza do municipio como entre as xentes que nos visitan.
As Festas Patronais
Parroquia de San Clemenzo de O Pindo | |
Festa de San Clemenzo | Segunda fin de semana de agosto |
Festas do Cristo | 12 e 13 de outubro |
Festa da Milagrosa de Quilmas | 24 e 25 de agosto |
Parroquia de San Memede de Carnota | |
Festa de San Memede | 7,8 e 9 de agosto |
Festas do Cristo | Primeiro fin de semana de setembro |
Festas da Virxe do Carme de Caldebarcos | Primeiro xoves e venres despois do 16 de xullo |
Parroquia de Santa Comba de Carnota | |
Festa de Nosa Señora das Dores | 20 de setembro |
Festa de San Sebastián de Pedrafigueira | 20 de xaneiro |
Parroquia de Santa María de Lira | |
Festa dos Remedios Novos | Primeiro martes despois de Semana Santa |
Festa dos Remedios Vellos | Sete semanas despois dos Remedios Novos |
Festa do Mar | Terceira fin de semana de agosto |
Parroquia de San Martiño de Lariño | |
Festa de San Martiño | 11 de novembro |
Festas Culturais Gastronómicas | |
Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional da Asociación Cultural Canle de Lira: relatorios, espectáculos teatrais e musicais, sardiñada e degustación de empanadas | Venres, sábado e domingo da semana de San Xoán – 24 de xuño |
Festa da Cachelada de Mallou | Último xoves e venres de agosto |