Parroquias
San Clemente do Pindo
É a parroquia máis setentrional do concello de Carnota. Conta cunha pequena flota pesqueira. Digna de mención é a Praia de San Pedro, dotada das infraestruturas básicas.
Nesta parroquia encontramos o emblema turístico do municipio, o monte Pindo, unha mole de granito rosácea que ascende bruscamente para acadar no seu cumio máis elevado, A Moa, 641 metros de altitude sobre o nivel do mar. Centos de historias, mitos e lendas tiveron unha ampla acollida neste peculiar mundo pétreo que é o Pindo.
San Mamede
Lugares como Panchés e Caldebarcos forman a parroquia de San Mamede, onde nos encontramos un fermoso esteiro que separa a Praia en dúas partes na Boca do Río, coa desembocadura do río de Vadebois. Dende a punta de Caldebarcos pódese admirar toda a praia de Carnota; contando ademais este lugar cunha serie de construcións típicas mariñeiras (casetas de pescadores, fábrica de salazón …).
E tamén aquí atopamos “A Berberecheira”, extensísimo areal que se cobre de auga coa marea alta, formando una lagoa idónea para a práctica de deportes acuáticos.
No interior da parroquia, lugares como Adraño, Cubelo, Outeiro e Vilar conseguen unha paisaxe completa de mar e monte, posto que nestes sitios a forma de vida era a gandería e a agricultura. Na actualidade aínda se poden observar cabalos e animais salvaxes e as vistas que nos oferta o Mirador de Louredo son impresionantes.
Santa Columba de Carnota
Centro administrativo e xeográfico do concello.
No lugar de Mallou destaca un dos castros mellor conservados da zona, contando ademáis con elementos arquitectónicos de interese (pombais, cruceiros, lavadoiros, etc) e unha interesante ruta de muíños.
Moi preto da Casa do Concello atopamos o petroglifo máis coñecido “A laxa escrita”.
E como non, merece especial importancia, o conxunto arquitectónico dentro da Casa Parroquial de Carnota, atopámonos cunha das edificacións máis coñecidas de Galicia, o Hórreo de Carnota, acompañado por dous hórreos de menor tamaño, un pombal e unha eira, conformado unha construción popular de gran beleza.
Santa María de Lira
Parroquia moi mariñeira posto que conta con gran actividade portuaria no porto de Portocubelo e a súa lonxa, destacada pola numerosa venta de nécora e polbo.
Conta tamén con diferentes praias de area branca formada por restos graníticos moídos polo paso do tempo.
Conta con gran arquitectura relixiosa, formada pola capela de nosa Señora dos remedios, Igrexa de Santa María de Lira e como non, outro magnífico hórreo con vinte e dous pares de pés.
Recentemente acaba de pórse en valor, grazas a un grupo de voluntarios, unha construción medieval coñecida como “A Torre dos Mouros”.
San Martiño de Lariño
Antigamente anexada á parroquia de Lira, pero hoxe en día é parroquia propia.
A máis meridional do Concello, limitando con Muros polo “Ancoradoiro”, complexo paixasístico con dunas, pinar, lagoas e a montaña de Monte Louro.
Temos que centrarnos no Faro de Punta Ínsua, construción civil de pedra de visita ineludible, tanto pola súa singularidade arquitectónica como pola beleza do seu entorno.
Cerca do faro persiste, aínda que moi deteriorado, un muíño de vento, único expoñente de tipo circular que se coñece na comarca de Carnota.