PROXECTO CAMIÑOS DE ANDAR AO MAR

O proxecto Camiños de Andar ao Mar foi creado polo Concello de Carnota para a difusión dos valores naturais e culturais do noso litoral.

Como naceu?
Dende hai anos existen iniciativas para achegar a cultura do mar aos nosos visitantes e Portocubelo e Lira foron sempre moi activos neste eido. A súa experiencia, xunto coas iniciativas do Concello de Carnota pola posta en valor da paisaxe e do patrimonio, converxen nestes Camiños de Andar ao Mar, que converten o litoral sur do municipio nun percorrido emocional pola natureza e polo pasado.

Xeiteiras, píntegas e naufraxios.
Os Camiños pretenden amosar todas as caras do mar. O máis visible son as paisaxes, con protagonimo das praias. Pero queremos que te fixes tamén no chiar do lavanco que nos sobrevoa e que procures a píntega que sae a quentarse ao sol; falarche do ourizo de mar que se agocha nas augas. Alén do que alcanzan os nosos sentidos están as historias de tráxicos naufraxios e, rodeando todo, a cultura das xentes do mar que fixeron deste marco o seu escenario de vida.

Financiamento.

O proxecto implica un investimento 220.383,40 €. Conta cunha axuda de 200.000 € financiada polo FEMP-Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (85%) e a Consellería do Mar (15%); axuda xestionada a través do GALP Costa Sostible. O período de execución previsto é 2020-2022.

Resultados.

-Proxecto de interpretación na ruta e musealización da Caseta de Pepe do Cuco como Centro de Visitantantes.

-Adecuación da ruta litoral entre a praia de Carnota (Areeiros) e o Faro de Lariño.

-Sinalización intelixente e accesible dos Camiños.

-Programación de web e edición de materiais de comunicación.