O Museo Arqueolóxico Aberto é un espazo natural que transcorre ao longo de máis de 10,5 km, a través dos cales se atopan sete espazos arqueolóxicos de distintas épocas e tipoloxías, seleccionados dentro da gran riqueza cultural que se distribúe polo territorio de Carnota, onde hai sobre oitenta sitios arqueolóxicos.
O museo está compostos polos petróglifos de Prousos Magos, A Laxe Escrita, Rego Lamoso, O Afilladuiro e As Laxiñas; e polo Castro de Mallou e a Torre dos Mouros. Todos estes espazos ofrecen unha ruta a través da historia, dende a Idade de Bronce (os petróglifos están datados entre o III e principios do II milenio a. C.) ata os nosos días. Alcanzan unha cota de máis de 300 m, dende onde se pode desfrutar das incomparables vistas de Carnota: o seu areal, de case 7 km; o Faro de Fisterra, á fronte, e a Ría de Corcubión e o Monte Pindo, ao norte, protexendo a contorna.
Os diferentes espazos do Museo Arqueolóxico Aberto distribúense ao longo da Senda Verde, unha ruta lineal de sendeirismo na que están sinalizados os accesos e os xacementos. Os referidos puntos de inicio facilitan a visita, xa que posibilitan a selección de diferentes percorridos. Os máis destacados son os de Lira, Mallou, Carnota e Louredo. As características deste museo ao aire libre permiten facer unha ruta a pé ou en bicicleta a calquera hora do día, combinando a visita cultural, natural e deportiva.
Recomendacións:
- Para poder apreciar os gravados na súa magnitude, os mellores momentos son a primeira e a última hora do día, grazas á luz rasante do sol, que fai resaltar as sombras dos seus sucos. Evite as horas centrais do día, xa que é posible que debido ás condicións lumínicas non consiga ver nada.
- Outra opción é a visita nocturna dos petróglifos, durante a que poderá apreciar perfectamente os sucos dos petróglifos grazas á luz rasante dunha lanterna. Non se recomenda adentarse no percorrido do Museo Arqueolóxico Aberto en solitario polas noites; non esqueza que pode perderse ou sufrir algún pequeno accidente.
- A visita ao Castro de Mallou e á Torre dos Mouros pode realizarse a calquera hora do día.
- Recorde levar auga, sombreiro en época de verán e roupa de abrigo na tempada invernal.
- Os petróglifos son Bens de Interese Cultural e gozan dunha protección especial, polo cal está prohibido o contacto directo cos gravados. Queda totalmente prohibido riscar as pedras.
- Tamén o Castro de Mallou e a fortaleza da Torre dos Mouros se encontran recollidos no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, polo cal está prohibido andar por enriba dos seus muros.
- Rógase o máximo respecto para poder conservar o patrimonio, que é de todos e forma parte da nosa historia.
Accesos:
O acceso á Senda Verde dende Lira atópase seguindo o desvío da estrada AC-550 que indica Miradoiro de Lira, concretamente 400 m despois do miradoiro.
A Senda Verde en Mallou iníciase ao pasar o núcleo de poboación, xunta os muíños de auga.
O inicio da Senda Verde en Carnota comeza detrás da Casa do Concello, xunta o pavillón polideportivo.
O acceso de Louredo atópase tomando o desvío da estrada AC-550 que indica Miradoiro de Louredo. O inicio da Senda Verde está á man dereita, 1 km despois de chegar ao miradoiro.