Castro de Mallou

Tipoloxía: castro.
Cronoloxía: Idade de Ferro.
Parroquia: Santa Comba de Carnota.
Lugar: Mallou.
Altitude: 116 m.
Descrición da contorna: monte baixo e piñeiros.
Accesibilidade: dificultade baixa.

Castro Mallou

Descrición

O Castro de Mallou é un poboado fortificado da Idade de Ferro, que puido estar en funcionamento entre os séculos IV-III a. C. e o I d. C.

O seu perímetro está rodeado practicamente na súa totalidade por dúas murallas separadas por un terraplén e reforzadas na cara sur cunha terceira muralla e un pequeno parapeto, entre os que se localizaría un foxo. É posible que esta terceira muralla estivese delimitando un posible antecastro. O conxunto presenta unha superficie aproximada de 1,38 hectáreas.

O recinto principal do castro ocupa unha superficie de forma ovalada de aproximadamente 4.450 metros cadrados. O seu estado de conservación non é tan bo como se desexaría, pois moitas das pedras que formaban as construcións, estruturas circulares e rectangulares, foron aproveitadas noutros tempos para outros mesteres. Ademais das vivendas, entre os achados cabe destacar un posible alxibe, o corpo de garda, a presenza de escoura de ferro (que indicaría unha posible ferrería), fusaiolas, muíños naviformes e abundantes restos de cerámica.

Entre os anos 2006 e 2008 realizábanse unhas primeiras actuacións no recinto, as cales deixaron á vista varias construcións na croa. Posteriormente, en 2013, o castro recuperouse por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública participada pola veciñanza, voluntariado e o Concello de Carnota.

Segundo contan as lendas, o castro foi residencia da Raíña Lupa e mesmo se sinala un dos penedos do recinto como a súa cadeira ou trono. Hai anos apareceu nunha das murallas unha escultura dunha cabeza de porco bravo, que posteriormente foi roubada. 

Como chegar

A un quilómetro cara ao norte da Torre dos Mouros, atopamos o Castro de Mallou, ao que podemos tamén acceder dende a aldea de Mallou, da que dista uns 500 metros escasos. Ao chegar ao punto marcado na pista, hai que ascender apenas 20 metros por un terreo doado, para atopar a mesa interpretativa situada ao pé do castro.

Temos dúas posibilidades de acceso dende o punto no que se sitúa a mesa informativa:

  • Ascender en liña recta atravesando a muralla ata chegar á plataforma interior.
  • Rodear pola esquerda o castro e acceder pola que sería a entrada orixinal e monumental.

Bibliografía

AGRAFOXO PÉREZ, X. (1991): “A cultura castrexa nos concellos de Outes, Muros e Carnota”. Cadernos Cruceiro do Rego. Publicacións Sementeira. Noia.

LAMAS BÉRTOLO, J. (2009): “Campo arqueolóxico de traballo en Castro Mallou, Carnota (A Coruña)”. Actuacións arqueolóxicas. Ano 2007, pp. 32- 35. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.

VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.

CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.