Rego Lamoso

Tipoloxía: petróglifo.
Cronoloxía:
Idade de Bronce.
Motivos representados:
círculos e cadrados concéntricos, coviñas, raias e armas.
Parroquia:
Santa Comba de Carnota.
Lugar:
Mallou.
Altitude:
210 m.
Descrición da contorna:
monte baixo de toxos.
Accesibilidade:
doada.

Rego Lamoso

Descrición

Os petróglifos do Outeiro de Rego Lamoso sitúanse sobre un outeiro rochoso que destaca sobre a contorna. Trátase dun complexo e variado conxunto de petróglifos nos que destacan catro agrupacións con coviñas, representacións de armas, círculos concéntricos e rebaixes cadrados.

O primeiro grupo, formado por varias laxes de superficie rugosa que apenas levantan do chan, componse de varias coviñas de diferentes formas e tamaños, algunhas delas semellantes a pegadas humanas, todas moi visibles. Destacan pola súa importancia tres representacións de armas similares a espadas curtas ou puñais, das que a maior ten unhas dimensións de 62 x 19 cm. O tamaño do suco é de 2,5 x 0,5 cm de profundidade. A de máis ao oeste, cunhas dimensións de 43 x 18 cm, está incompleta pola parte da empuñadura. A representación situada máis ao norte ten unhas dimensións de 45 x 11 cm e está unida ao tramo de suco que comunica unha coviña cunha fenda que sae ao exterior da pedra. Completan estes gravados unha pequena combinación circular e mais un motivo zigzag.

Tres metros ao norte deste motivo están situados os gravados do segundo grupo, situados nunha pequena laxe que sobresae uns 50 cm sobre o nivel do terreo. Trátase de varias coviñas de diferentes formas e tamaños, algunhas comunicadas con trazos.

Uns catro metros ao nordés desta lousa sitúase o terceiro grupo, na superficie de tres laxes de pequeno tamaño que apenas levantan entre 30 e 50 cm do chan. Está composto por varios rebaixes cuadrangulares coas arestas redondeadas; os de maior tamaño están bordeados por trazos concéntricos coa mesma forma do rebaixe e un deles está incompleto pola rotura que presenta a pedra nun extremo. Os dous rebaixes de maior tamaño teñen unhas dimensións similares, de 15 x 15 cm e 1,5 cm de profundidade.

A uns catro metros ao noroeste das laxes do primeiro grupo, sitúanse os gravados do cuarto grupo. Nunha laxe de pequeno tamaño, apréciase unha combinación circular e varias coviñas espalladas ao seu carón. Nos arredores deste outeiro podemos ver varias coviñas de forma oval e cuadrangular.

Como chegar

Tomando como referencia o camiño que vai dende Mallou ata o cruce coa pista da Senda Verde e dende este cruce a uns 485 metros en dirección aos petróglifos de Prousos Magos, collemos un desvío cara á esquerda. Logo de andar uns 200 metros, pasando por unha zona de eucaliptos, o camiño comeza a subir á beira dun muro de pedra que vemos á nosa esquerda. A uns 100 metros máis ou menos, en dirección norte, xa vemos o outeiro e un panel informativo aos seus pés.

Bibliografía

CERNADAS SANDE, J. (2008): Gravados rupestres nos montes de Carnota. TresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña).

VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.

CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.