Con motivo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna e mais do Día de Rosalía, o Concello de Carnota vén desenvolvendo durante esta semana un conxunto de actividades promovidas dende Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, en colaboración varios centros educativos do municipio.

Achegar a rapazada á figura de Rosalía de Castro, visibilizar a obra da autora, pór en valor o idioma propio e favorecer a construción dunha imaxe positiva da lingua e da cultura galegas, constitúen os obxectivos principais desta iniciativa.

Durante esta semana, os espazos públicos de Carnota locen engalanados cun conxunto de poemas e versos ilustrados da autora, elaborados polo alumnado dos centros de educación infantil e primaria do municipio mediante a aplicación de diversas técnicas plásticas.

Complementan a iniciativa outros actos simbólicos como a lectura pública de textos de Rosalía por parte da rapazada e a organización dun photocall dedicado á autora.

 

 

 

 

Na seguinte ligazón podedes acceder ao álbum de fotos que elaboramos das actividades cos rapaces e rapazas dos días 20 e 21 de febreiro: https://photos.app.goo.gl/9jsDTZJKv2Rq7cEe6