Foi un curso moi bo, especialmente porque por fin estreamos o edificio propio, o edificio que a nosa Escola merece.

Mantivemos o nivel de alumnado, incluso o superamos, abrindo o horario de clases nunha mañá, e celebrando os dous festivais anuais e o concerto didáctico por Santa Cecilia (patroa da música) da man do gran músico Magín Blanco.

Con máis de 140 alumnos/as de todas as idades, chega ao seu fin un ano académico carente de problemas.

Non podemos deixar pasar a ocasión de agradecer, unha vez máis, a todos/as (pais/nais e alumnos/as) o bo facer, o entendemento, o sempre bo estado de ánimo, o esforzo e o sorriso que sempre nos facedes chegar e nos transmitides. Moitas grazas.

Para rematar o curso tivemos onte o festival no Pindo. Unha vez máis enchemos o local coas máis de 200 sillas cheas e con xente aínda de pe vendo aos nosos artistas no escenario. É xa unha cita ineludible para a xente do pobo vir escoitar o repertorio tan variado que oferta o alumnado de todas as idades que estudia na Esmu de Carnota. Podes consultar aquí o repertorio.

Ata este día houbo clases normais e ensaios, e hoxe xoves 21 e venres 22 non haberá xa clases propiamente dito, pero sí estaremos algúns dos mestres na escola para entregar as notas que puideran quedar sen entregar, para atender algún alumno/a (ou futuro) que queira probar algún instrumento novo, e para resolver dúbidas e escoitar propostas cara o vindeiro curso, en horario de 5 a 8.

E este venres 22 de xuño remata o curso para comezar as merecidas vacacións!

Inscricións para o seguinte curso 2018-2019 na primeira quincena de setembro no Concello, no departamento de Cultura e Deportes ou no rexistro xeral.