Esta semana conflúen dúas datas significativas para a lingua e a cultura galegas. O 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola UNESCO para reivindicar a riqueza que supón a diversidade lingüística e cultural do planeta e o dereito a vivir na lingua propia. E o 24 de febreiro é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, alma mater do pobo galego.

Con motivo destas celebracións, o Concello de Carnota organizou unha xornada conmemorativa, en colaboración cos centros educativos do municipio, que comezou cun recital poético a cargo do alumnado dos CEIP de Carnota e do Pindo, e rematou co espectáculo teatral Ulo swing?, da compañía A Run Run Teatro.