Alcaldía

Benvidos a todos e a todas,

Co obxecto de dar a coñecer mellor o noso territorio e facilitarlle á cidadanía outras vías de comunicación co Concello créase este portal web. É importante para nós que o Concello sexa accesible para todos e todas.

Esta web constitúese como unha ferramenta útil, na que as persoas usuarias poden atopar toda a información relativa ao noso municipio. A través deste espazo poderán coñecer a ampla e variada oferta de actividades culturais e deportivas, as ofertas de emprego, acceder a procedementos e trámites dende a sede electrónica, acceder ao portal de transparencia, á información turística ou estar ao día de novas e anuncios que poidan ser do seu interese.

A todos aqueles e aquelas que aínda non coñecedes o noso concello, permitídeme dicirvos que Carnota é un deses lugares que soen quedar gravados na retina. O LIC formado polo impoñente Monte Pindo e a Praia de Carnota configura unha das paisaxes máis impactantes de toda a Costa da Morte. A súa ubicación xeográfica fai que poidamos gozar en apenas uns metros de praias paradisíacas e montes graníticos de maxestosa beleza. Por todo o anterior, aproveito para invitarvos a vir coñecer Carnota de primeira man.

Conclúo expresando que o meu compromiso como alcalde é pór en valor toda a nosa riqueza e a nosa cultura e optimizar os recursos para que o Concello de Carnota non sexa só un referente turístico da Costa da Morte e de Galicia, senón que sexa tamén o lugar elixido para vivir.

Carnota é túa.

Moitas grazas

O alcalde

Juan Manuel Saborido Rama