Miradoiro de Louredo

O miradoiro de Louredo, situado na estrada que une San Mamede e As Paxareiras, é unha das paradas obrigadas para quen visite Carnota.

Debido á súa localización estratéxica, dende este miradoiro pódese gozar dunha das paisaxes máis fermosas de Galicia, coa praia de Carnota, as marismas de Caldebarcos e o monte Pindo como protagonistas. Ademais deste conxunto, declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC), tamén se poden apreciar as parroquias de Lira, Carnota e San Mamede e Fisterra ao fondo.

Este espazo conta cunha serie de bancos en forma de media lúa, situados en primeira liña, con vistas ao Atlántico, así como cunha área axardinada con mesas e bancos e distintos paneis informativos con información sobre a contorna. Ocupando o espazo central atópase a obra de Nando Lestón, “Segunda Pel”, formada por un conxunto de árbores queimadas do Monte Pindo, pintadas e decoradas polo artista co fin de darlles unha segunda vida.

O miradoiro atópase debidamente sinalizado dende a AC-550, á altura de San Mamede.