En Carnota, o mes de abril chega con novas propostas para a dinamización lingüística na primeira infancia, dentro do programa Apego. Nesta ocasión, as actividades programadas artéllanse arredor do lema “Abril, mes do libro” e teñen como obxectivo, ademais de favorecer a crianza e a socialización en galego, achegar as nenas e os nenos ao mundo do libro e da lectura dun xeito lúdico.

As accións que integran este programa están organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da agrupación dos concellos de Carnota e Mazaricos, financiado pola Deputación Provincial da
Coruña.

Todas as actividades son de balde e a entrada é libre, ata completar a capacidade do local.

Cabicivai | Os Contos de Pablísimo
Espectáculo de narración oral sobre rodas. Unha bicicleta, un kamishibai e tres caixóns dos que pode saír calquera cousa!
Data: sábado, 6 de abril.
Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
Idade recomendada: dende os 3 anos.
Duración: 40-50 minutos.

Contos debuxados, debuxos contados | Caxoto e Marc Taeger
Espectáculo de narración oral con ilustración e vivo. Un man a man escénico do ilustrador Marc Taeger e o contador de contos Caxoto repleto de vitalidade, situacións esperpénticas, personaxes inesquecibles, creatividade desbordada, algunha que outra liorta e moitísima diversión.
Data: sábado, 20 de abril.
Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
Idade recomendada: dende os 3 anos.
Duración: 50-60 minutos.

Os contos do chupete | Migallas Teatro
Espectáculo de contos e cantos para bebés que integra música en directo, tradición oral e literatura infantil. As crianzas poderán chuchar contos, cancións e arrolos ata encher a barrigola nesta proposta para gozar en familia.
Data: venres, 26 de abril.
Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
Idade recomendada: 0-3 anos.
Duración: 30 minutos.