Hoxe tivo lugar a presentación do proxecto “Unha viaxe sostible para unha vida consciente” no Concello de Carnota, unha iniciativa enmarcada dentro do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia que consiste na realización de 4 xornadas que combinan alimentación saudable, sesións culturais e actividades de mindfulness como ioga ou pilates.

Durante a celebración do acto de presentación interviron o alcalde Juan M. Saborido Rama, que recordaba a aposta do Concello polo turismo sostible e o compromiso co medio, a presidenta da Asociación de Empresarios de Carnota, Olga Formoso Beiro, Fátima Rodríguez Figueiras en representación da Senda das Estrelas e o Delegado Territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato que subliñaba o carácter innovador do proxecto do Concello de Carnota e engadía “Carnota ten moitas fortalezas e extraordinarias potencialidades a nivel turístico”.

As actuacións a desenvolver no marco do proxecto “Unha viaxe sostible para unha vida consciente” en Carnota, correspóndense con catro xornadas de Turismo consciente son as seguintes:

1. Xornada envellecemento activo para mulleres

O 24 de setembro. Destinada a mulleres maiores de 65 anos, residentes no concello de Carnota.

2. Xornada creativa para mulleres

O 25 de setembro. Destinada a mulleres artistas no campo das artes escénicas. Proponse a participación e encontro entre artistas locais e artistas galegas. 

3. Xornada colectivos en situación de vulnerabilidade

O 26 de setembro. Mulleres en situación de vulnerabilidade, derivadas da colaboración coa ONG Médicos del mundo, para este proxecto.

4. Xornada surf

O 27 de setembro. Destinada a deportistas e afeccionados ao surf, derivadas da colaboración con Abel Lago, un prescriptor capaz de organizar grupos que veñen practicar ou recibir cursos de surf a Carnota da súa man.

Prema aquí para consultar o programa das xornadas.