O vindeiro sábado 6 de abril as Escolas de música municipais de Muros e Carnota celebrarán unha xornada de convivencia entre o seu alumnado.

Dende hai uns meses o director da de Muros e a directora da de Carnota, xunto cos mestres, levan argallando o día da xuntanza para que todo saia ben e a rapazada goce con compañeiros/as doutros concellos e doutras escolas.

Este día, uns 40 rapaces e rapazas, acompañados polos mestres/as da ESMU de Carnota desprazaranse dende Carnota ata Muros en bus sobre as 11:30 h. Ao chegar a Muros, xa os estarán agardando os seleccionados da Esmu de Muros, e terá lugar a presentación das dúas escolas para dar paso a unha mañá de xogos dirixidos no Pozo do Cachón. Sobre as 14:00h os máis de 80 rapaces/as irán a un restaurante muradá  a xantar, e logo, poranse rumbo á Casa da Cultura para preparar o festival que se levará a cabo no auditorio ás 17:00h. Este concerto será de entrada libre e de balde, para todas aquelas persoas que queiran ver e gozar da música que se fai nestas dúas Escolas.

Sobre as 19:00h da tarde, o alumnado de Carnota volverá para a súa vila no bus, e o de Muros para as súas casas, logo dunha xornada chea de novas amizades e experiencias.