Na súa vontade de valorizar e dar visibilidade ao rico patrimonio natural e cultural de Carnota coma medida de promoción do turismo da zona, o Concello de Carnota súmase coma colaborador, xunto con outras entidades e persoeiros galegos, ao proxecto Solpor.

Somos conscientes de que a maxia e beleza dos solpores son un recurso natural de gran potencial turístico en Carnota, cun valioso patrimonio natural e cultural que poñer en valor. Porque o Sol percorre de forma paralela as nosas vidas durante o ano, dos solsticios aos equinoccios a estrela percorre o ceo alongando ou acurtando a duración do día e a noite, rexindo o cambio de estacións, as plantacións, as colleitas… tempos variables que a posición do Sol debuxa no horizonte e que son tamén referentes da nosa paisaxe.
E por si fora pouco, temos o privilexio de que dende o noso Concello, concretamente dende A Moa, o cumio do Monte Pindo, pódese contemplar o último solpor da Europa Continental durante dous períodos ao ano, ao principio da primavera e ao final do verán.

¿En que consiste o proxecto Solpor?

O proxecto Solpor foi unha das propostas elexidas dentro da primeira edición do programa OTeuXacobeo para a promoción do Xacobeo 2021 e ten coma obxectivo principal a posta en valor do solpor sobre o océano Atlántico, coma recurso turístico de primeira orde. A iniciativa, que ten a súa primeira actuación no Cabo Fisterra, propón a creación de contidos audiovisuais innovadores e de calidade ao redor do fenómeno do Solpor nestes espazos, aportando unha visibilidade que sen dúbida valorizará e poñerá no mapa aos concellos da costa Atlántica coma Carnota, cunhas vistas privilexiadas do Solpor.

¿Cómo colabora o Concello de Carnota?

Para a xeración de vídeos de alta definición, timelapses ou a emisión de vídeo en directo, realizouse a instalación dunha antena de 50cm diámetro no pavillón municipal de Carnota (localización con visión directa co Cabo Fisterra) así coma o aloxamento do correspondente acceso a Internet.

¿Qué pretende o concello de Carnota coa súa participación en Solpor?

  1. Visibilizar e poñer en valor o seu rico patrimonio natural e cultural ante os milleiros de peregrinos que cada ano visitan o Cabo Fisterra.
  2. Que moitos dos visitantes que acuden a Fisterra na súa fin do Camiño de Santiago, prolonguen a súa estancia na zona, animándolles a visitar moitos dos recursos turísticos e patrimoniais do concello de Carnota.
  3. Fomentar a desestacionalización do turismo e ao mesmo tempo unha descentralización, dándolle visibildade a outras zonas menos coñecidas.
  4. A atracción de turismo tanto nacional como internacional como fonte de riqueza na súa comarca, onde existe un gran desequilibrio socioeconómico potenciando os seus recursos endóxenos e a súa difusión cultural.

Proximamente en solpor.eu

A raíz desta colaboración, a web do proxecto (http://solpor.eu) destacará na súa portada a colaboración do Concello de Carnota, e ao mesmo tempo xenerarán periódicamente contidos no seu blog e redes sociais (Instagram, Facebook, twitter, youtube) ao redor dos recursos turísticos máis destacados do concello e a súa contorna.