Arquitectura relixiosa

Igrexa de Santa Comba de Carnota

A Igrexa de Santa Comba intégrase nun conxunto formado polo templo, a reitoral, o pombal e o hórreo.

A igrexa, construída no século XVIII en estilo barroco clasicista, está datada en 1755. A súa planta é unha fusión entre a cruz latina e a basilical e interiormente divídese en tres naves, separadas por pilastras, as cales están cubertas con bóvedas.

A fachada principal está dividía por catro pilastras con capiteis xónicos e decoración vexetal, e rematada por un frontón triangular que fai de cornixa. En toda a fachada só hai dúas aberturas, a correspondente á porta de acceso e un óculo ovalado.

No século XIX, agregóuselle un campanario, obra do mestre Carlos Aboy. Tamén neste século se realizaron modificacións na fachada principal, engadíndolle certas decoracións de estilo neoclásico.

O altar maior está presidido por un fermoso retablo, obra do escultor José Ferreiro. A este autor tamén se lle atribúen diversas tallas existentes no interior da igrexa.

Igrexa de Santa María de Lira

A Igrexa de Santa María de Lira foi construída en 1760 e ampliada con posterioridade en 1825. Posúe planta basilical, composta por unha única nave estreita e alongada, dividida interiormente en catro tramos, os tres primeiros cubertos con arcos de medio punto e bóveda de canón e o correspondente á zona do altar con bóveda de crucería.

Trátase dunha construción de extremada sinxeleza e con escasa ornamentación, aínda que exteriormente destaca o seu campanario, que está cuberto por unha lanterna rematada con pináculos.

Xunto ao hórreo, a casa reitoral e o pombal, conforma un singular conxunto arquitectónico.

Igrexa de San Mamede

A Igrexa de San Mamede é unha edificación do século XVIII de estilo barroco, construída en torno a 1755. Posúe planta de cruz latina e está composta por unha única nave e unha esvelta torre dividida en catro corpos.

O cruceiro, enmarcado por catro arcos, cóbrese cunha bóveda de aresta produto da intersección das dúas naves, a lonxitudinal e a transversal. Destacan os púlpitos que se abren na zona do cruceiro. Aos pés hai un coro en altura, feito con estrutura de madeira, cunha entrada lateral. Nos muros laterais da nave hai dúas fornelas xemelgas con senllos altares que completan o treito principal da nave. Dende o presbiterio accédese á sancristía, que se engadiu no lateral esquerdo, e é de menor altura que o resto do templo.

Na fachada principal destaca unha fornela ricamente decorada que alberga a imaxe pétrea do patrón, San Mamede, e no lateral dereito consérvase un reloxo de sol.

No interior destaca o retablo maior, de estilo neoclásico, encargado en 1774 e realizado polos escultores José Ferreiro e José Gambino. Nel atópanse tallas de diferentes santos: presidindo o retablo está a Virxe do Rosario e sobre ela a imaxe do patrón, San Mamede; xunto a elas están S. Pablo, S. Pedro, S. Xosé e S. Xoán Bautista.

Igrexa de San Martiño de Lariño

Foi construída sobre os restos dunha antiga ermida e reformada en 1954, data que permanece inscrita na fachada, á esquerda da porta principal.

Na actualidade presenta unha planta de cruz latina. A igrexa está dividida en tres treitos separados por arcos faixóns de medio punto que se cobren con bóvedas de canón.

Na nave central, fortes piares de  pedra sosteñen un coro de grandes proporcións ao que se accede a través dunhas escaleiras situadas na entrada principal. Este espazo, coñecido tamén co nome de sobrado ou tribuna, era ocupado tradicionalmente por varóns durante os actos relixiosos, costume que aínda perdura na actualidade.

No seu interior alberga un amplo repertorio de tallas de santos, destacando a figura de San Martiño, patrón da parroquia de Lariño.

A fachada principal é moi sinxela, composta por un lenzo pétreo no que se abren unha porta e unha ventá. Na parte superior resaltan a decoración, conformada por pináculos, e a espadana, onde se sitúan as campás.   

Á dereita atópase o antigo camposanto e, xusto en fronte, un característico cruceiro.

Igrexa de San Clemente de O Pindo

Á esquerda do altar da Igrexa de San Clemente do Pindo hai unha porta que dá acceso á primitiva capela en honor a San Clemente, datada no S. XVII, que posteriormente sufriría unha ampliación, o cal provocaría que perdese a súa orientación orixinal.

Clemente Riveiro Fernández, veciño do Pindo, foi o fundador desta capela no ano 1771, que posteriormente se convertería na igrexa parroquial.

Presenta unha estraña configuración debido á súa ampliación en 1906, orientando a fachada principal ao nordeste, cando o habitual é que as igrexas teñan a fachada principal orientada ao oeste.

A capela orixinal ten planta rectangular dunha soa nave e divídese en tres treitos. Os treitos inicial e final cóbrense con bóveda de canón (que conservan policromía na ábsida), mentres que no central atopamos unha bóveda de aresta. Os muros son de cantería de granito e a cuberta orixinal era a dúas augas. Cabe destacar o altar, labrado en cantería polo escultor de Santiago de Compostela Antonio del Río no ano 1795, deseñando os planos deste altar o arquitecto, tamén de Santiago, José Cachafeiro.

A escasos metros da igrexa atópase a Praia de San Pedro do Pindo, de rechamantes augas turquesas. Tamén se poden ver a península dos Mouchos e o Cabo Fisterra ao fondo

Capela de San Gregorio

Atópase no centro da vila, na Praza de San Gregorio, á que lle dá nome.

É unha pequena capela do século XVII que ten planta rectangular dunha soa nave. Os seus muros foron construídos con grandes perpiaños de granito e está cuberta a dúas augas con tella do país. Na fachada principal existen dous ocos, un correspondente á porta de acceso, formada por un arco de medio punto, e o outro á ventá rectangular.

Os elementos ornamentais son moi escasos, a excepción dunha pequena espadana rematada por dous pináculos e unha cruz.

Capela dos Remedios

A Capela da Virxe dos Remedios data de 1706. A memoria popular sostén que a construción desta capela ven motivada pola aparición da Virxe dos Remedios neste mesmo lugar, aínda que se barrallan outras hipóteses que apuntan a que foi construída para que os pastores puidesen acudir á misa os domingos sen perder de vista o gando.

No seu interior conserva unha copia da “aparición” orixinal da virxe, que era de pedra e da cal non se sabe nada. Conta tamén cunha maqueta do barco Ariete, que embarrancou na Punta dos Remedios o 25 de febreiro do 1966. Tanto a tripulación da fragata coma o conxunto da poboación do lugar atribuíronlle o salvamento á Virxe dos Remedios e dende aquela a capela ten unha clara devoción mariñeira.

Cruceiros

Os cruceiros son construcións en pedra que se colocan en cruces de camiños, próximos a igrexas e ermidas, entradas a cemiterio, etc. Pódense atopar en toda a nosa xeografía, xeralmente vinculados a crenzas relixiosas, xa sexa de orixe cristiá ou de orixe pagá e posteriormente cristianizado.

Os cruceiros galegos están compostos por plataforma disposta en chanzos e un pedestal, sobre o que se ergue o varal ou fuste. Este está rematado por un capitel, no que poden aparecer representacións (anxiños ou simboloxía cristiá) e unha cruz, que nalgunhas ocasións se encontra decorada por un lado cunha crucifixión e por outro con outra figura (normalmente unha virxe). En Carnota os cruceiros, así como a arquitectura relixiosa, destacan pola súa simple beleza.

Como exemplo temos A Cruz do Campo, de finais do século XVI, localizada no lugar de Nóutigos, cun pedestal feito en pedra natural (non traballada) e un varal octogonal delgado, que sostén unha cruz austera, na que aparece representada unha crucifixión de Cristo, que destaca pola expresividade da figura. Os demais cruceiros teñen características similares. Outro exemplo interesante é o da Capela de San Gregorio, do ano 1600. Neste caso o cruceiro posúe unha pequena plataforma e carece de pedestal. O varal é de forma cilíndrica e está rematado cun precioso capitel con volutas e, sobre el, unha cruz.

Máis información sobre os cruceiros de Carnota en: https://cruceirosdegalicia.xyz/15020.html