Mirador de Lira
O miradoiro de Lira é o primeiro miradoiro que atopamos ao entrar na Costa da Morte polo sur.
Igual que o miradoiro de Louredo, conta cunhas fantásticas vistas da praia de Carnota e do monte Pindo, das parroquias de Lira, Carnota e San Mamede e de Fisterra ao fondo, pero dende outra perspectiva. Dende o miradoiro de Lira pódense apreciar tamén o faro de Lariño e o litoral rochoso que une as parroquias de Lariño e Lira, que constitúe ademais a primeira reserva mariña de Galicia.
O miradoiro está integrado na contorna e conta con unha varanda de protección de pedra e un telescopio. Nas inmediacións atópanse unha área de descanso con mesas de pedra e bancos e un espazo deseñado polo escultor Xosé Cernadas, con réplicas dalgúns dos petróglifos da zona.
O miradoiro está debidamente sinalizado dende a estrada AC-550, á altura de Lira. O acceso faise a través dunha estrada secundaria de dobre sentido, que nalgún dos seus tramos se estreita.