Programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas paradas de longa duración.
No DOG núm. 55, do 20 de marzo de 2019, publicouse a Orde do 4 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR349R).
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais e as temporais cunha duración mínima inicial de doce meses realizadas con persoas desempregadas paradas de longa duración que se formalicen desde o día 16 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019, ambas inclusive.
Tanto a contratación indefinida inicial como a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses, para poder ser subvencionas, deberán ser a tempo completo, incluída a modalidade de fixo descontinuo.
Contía dos incentivos:
As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 10.000 euros por cada persoa desempregada parada de longa duración contratada, coa posibilidade de incrementos acumulables do 25%, en función do perfil da persoa contratada.
As contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses incentivaranse cunha axuda de 5.000 euros por cada persoa desempregada parada de longa duración que se contrate, igualmente coa posibilidade de incrementos acumulables.
Texto da convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190320/AnuncioG0424-060319-0002_gl.pdf
Prazos de solicitude:
- As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 16 de outubro de 2018 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
- As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
- O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2019, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.
Solicitudes e anexos:
Dispoñibles na páxina web da Con-sellería de Economía, Emprego e Industria: http://industria.xunta.gal e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal