A Asociación Cultural Lirachiñ@s e Sea Change Community, en colaboración co Concello de Carnota, poñen en marcha unha campaña solidaria de recollida de xoguetes, alimentos e produtos de hixiene e aseo.

Os xoguetes serán destinados á área de pediatría do centro de saúde de Carnota e a Cruz Vermella. Ademais, as persoas asociadas da recentemente constituída Asociación Cultural Lirachiñ@s, poden doar xoguetes para o local de xogos da asociación (o resto de aportacións destinaranse integramente ás citadas causas solidarias).

Os alimentos e produtos de hixiene doaranse á Fundación Andrea, que apoia a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

Os xoguetes deben atoparse en bo estado, con todas as súas pezas e, a poder ser, coa embalaxe orixinal tamén en bo estado.

En canto aos produtos, pódese doar o seguinte:

Alimentos non perecedoiros: leite, aceite, azucre, galletas, cacao, zumes, fariña, pasta, legumes, conservas, produtos de Nadal (turrón, polvoróns …), comida para bebés (leite, cereais, potiños …).
Produtos de aseo e hixiene persoal: xampú, xel, xabrón de mans, pasta de dentes, cepillos de dentes, papel hixiénico, esponxas, compresas.
Produtos de limpeza: xabrón lavalouzas, vasoiras, limpadores, toalliñas, deterxente, suavizante, papel hixiénico.

Parte destes produtos irán a tres albergues, onde están aloxadas familias de toda Galicia con fillos enfermos hospitalizados no CHUS durante unha longa estancia. A outra parte irá a casas de familias beneficiarias da Fundación Andrea con recursos económicos limitados.

As entregas poderán efectuarse ata o venres 13 de decembro, no Departamento de Servizos Sociais do Concello, en horario de 8.00 a 14:30 h.

MOITAS GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN!!!