O Concello de Carnota, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso gratuíto dirixido a persoas adultas, maiores de 16 anos, procedentes doutras comunidades lingüísticas e interesadas na aprendizaxe da lingua e da cultura galegas nun nivel
inicial.
A actividade desenvolverase na Casa do Concello de Carnota os días 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de outubro (martes e xoves), en horario de 10.00 a 12.30 horas, cun total de 20 horas de formación.
O curso está concibido como unha proposta práctica e participativa e nel abordaranse nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural, polo que para participar non é necesario contar con coñecementos previos de galego.
Os principais obxectivos desta actividade son facilitarlles ás persoas participantes unha primeira aproximación á lingua e á cultura galegas e fomentar a súa integración e inclusión sociocultural, así como incrementar o número de falantes do noso idioma.
Unha vez finalizado o curso, a Xunta de Galicia expedirá os diplomas que acreditan, se é o caso, a participación con aproveitamento do alumnado.
As persoas interesadas poderán recibir máis información e formalizar a súa inscrición ata o 28 de agosto no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carnota (cultura@carnota.gal |981106331, 981857032).
