O próximo sábado, 11 de abril, ás 12:00 horas, terá lugar no Centro Cultural do Viso a presentación do libro Toponimia de Carnota, de Alfonso Blanco Quintela, editado pola Real Academia Galega (RAG) e a Asociación Galega de Onomástica (AGOn) dentro da colección Terra Nomeada.

O autor estará acompañado na mesa da presentación polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo Romero; Ana Boullón, en representación da AGOn; e Juan Manuel Saborido Rama, alcalde de Carnota.

A entrada ao acto é libre, ata completar a capacidade do recinto.

Alfonso Blanco Quintela, licenciado en Filoloxía Clásica, é tradutor e exerce a docencia no IES Fontexería de Muros nas materias de Latín, Grego e Cultura Clásica. Tamén é autor do volume Toponimia de Muros (2023), publicado na serie Terra Nomeada, e leva anos realizando un importante labor de divulgación dos nomes de lugar da comarca. Neste novo libro, analiza 20 dos 59 nomes de lugar da toponimia maior de Carnota e 8 da toponimia menor, ofrecendo así unha mostra representativa dos topónimos do concello, dos que o portal colaborativo Galicia Nomeada recolle xa máis de 3500.

A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia dun xeito divulgativo e ameno. O volume dedicado a Carnota publícase co apoio económico da Deputación da Coruña.

Presentación Toponimia de Carnota