O 23 de febreiro é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, referente indispensable do panorama cultural e literario galego. Un ano mais, o Concello de Carnota, a través do Servizo de Normalización Lingüística, súmase á conmemoración do Día de Rosalía cun programa de actividades destinadas a homenaxear a escritora máis universal de Galicia e fomentar e por en valor o seu legado, especialmente no ámbito da mocidade e a infancia.
Rosalía oculta: obradoiro de banda deseñada con Paula Mayor.
O luns 9 de febreiro, o alumnado do IES Lamas de Castelo mergullarase na traxectoria vital e literaria de Rosalía de Castro e no mundo da banda deseñada, da man de Paula Mayor, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2023 pola súa obra Rosalía oculta, que
mostra unha Rosalía, combativa, inconformista e crítica coas ideas e valores conservadores do seu tempo.
Partindo de Rosalía oculta, o obradoiro abranguerá todas as fases do proceso de creación dunha banda deseñada e o alumnado materializará as súas ideas, creando personaxes e poñéndose na situación de debuxantes que reciben unha encarga para facer unha páxina a partir dun guión.
Os cantares de Rosalía: espectáculo musical de María Faltri e Reynier Aldana.
O 23 de febreiro, Día de Rosalía, o alumnado de educación infantil de primaria do CEIP de Carnota e o CEIP do Pindo reunirase en Carnota para gozar dos Cantares de Rosalía, con María Faltri e Reynier Aldana. Un espectáculo que bebe da obra de Rosalía de Castro, para
gozar da música, da poesía e da palabra.
Este programa é unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, servizo financiado pola Deputación provincial da Coruña.
