O Concello de Carnota pon en marcha un novo servizo de psicólogo para a detección precoz de persoas con vulnerabilidades, en base á Convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Orde do 13 de agosto de 2025, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no SNGX en colaboración coas entidades locais, procedendo á súa convocatoria para o exercicio do ano 2025 (código de procedemento TR350E). Este proxecto está cofinanciado nun 60% polo Fondo Social Europeo Plus Galicia 2021 – 2027

O obxectivo do servizo será deseñar un plan de intervención comunitaria no que un psicólogo percorrerá as parroquias para detectar persoas en situación de
vulnerabilidade económica, emocional, social ou de saúde e derivalas aos recursos adecuados. O enfoque será preventivo e participativo, facendo especial fincapé en detectar necesidades antes de que se cronifiquen, fortalecer as redes veciñais e articular recursos locais.

Para garantir a transparencia e responsabilidade na xestión do servizo, realizarase unha recolección de datos previa e un deseño de instrumentos de detección que combinen indicadores socioeconómicos, psicolóxicos e comunitarios. O traballo realizarase a través de colectivos, puntos de información ou informantes, así como en coordinación cos servizos sociais, que deriven a casos específicos para investigar, respectando sempre o consentimento e a ética, priorizando criterios de derivación e mantendo o rexistro e protección da información. Ademais, levarase a cabo unha vixilancia continua e avaliación mediante informes finais para garantir a eficacia do programa

Este servizo permitirá a identificación temperá das persoas en situación de vulnerabilidade, posibilitando actuacións axeitadas que eviten o empeoramento das súas condicións. A súa implementación fortalecerá as redes de apoio comunitarias e mellorará a cohesión social, promovendo un acompañamento continuado e humano que contribúa ao benestar emocional e físico das persoas atendidas. Así, apoiarase a inclusión social e a participación activa na comunidade, garantíndose unha prevención efectiva baseada en criterios científicos. Ademais, o programa favorecerá a coordinación entre os recursos locais e os servizos sociais, optimizando os mecanismos de intervención e contribuíndo a unha mellora sostida da calidade de vida no conxunto da poboación.