Remata abril e arranca unha nova edición do programa “Maio, mes das Letras” organizado polo Concello de Carnota, a través do Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Cultura, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas en 2025.

Este ano integran o programa un amplo abano de propostas de dinamización lingüística e cultural para todos os públicos, destinadas a incidir positivamente no prestixio do noso idioma e da nosa cultura, a homenaxear a figura das cantareiras e a revitalizar o seu legado e a literatura popular oral de Galicia.

Debúllanse a continuación as accións que se desenvolverán ao longo do mes de maio:

O cuco veu por acá e marchou por alá | Percubebés

Espectáculo musical participativo e pequeno obradoiro de percusión para bebés e familias, a cargo de Marcelo Dobode e Bea Martínez, dous artistas moi familiarizados coa educación musical na primeira infancia. Con eles, as crianzas e as súas familias adquirirán ferramentas
para a execución musical experimentando con instrumentos diversos (pandeiretas, pandeiros, maracas…) e aprenderán cantiguiñas propias da nosa cultura. Esta actividade enmárcase no programa de dinamización lingüística na primeira infancia Apego.

Data: venres, 9 de maio.

Lugar e hora: salón de actos do Concello de Carnota |17:30 h

Destinatarios/as: familias con crianzas de 1 a 4 anos.

Duración: 45 minutos.

Requírese inscrición previa (cultura@carnota.gal ou 981 1063 31). Prazas limitadas. Máximo 20 crianzas acompañadas de 1 ou 2 persoas adultas.

 

O que non estaba escrito | Carmen Conde (Tarabela Creativa)

Espectáculo de narración oral para público mozo e adulto. Carmen Conde leva dúas décadas recollendo, escribindo e contando historias; percorrendo toda a xeografía galega e conversando no camiño con centos de persoas que lle legaron xenerosamente anacos marabillosos das súas vidas. Nesta sesión, ofreceranos unha escolma de relatos inspirados en todo canto apañou da oralidade, protagonizados por curas que se namoran, bebés nacidos de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer… un repertorio perfectamente escollido en modo aleatorio para a ocasión.

Data: venres, 9 de maio.

Lugar e hora: salón de actos do Concello de Carnota | 21:00 h.

Destinatarios/as: público mozo e adulto.

Entrada libre ata completar a capacidade do local.

 

Axudádeme a cantar, un espectáculo das cantareiras | Editorial Galaxia, Felisa Segade e Montse Rivera

Espectáculo de canto palabra e toque para pór en valor o cancioneiro popular galego e a figura das cantareiras. Felisa Segade e Montse Rivera, dúas das fundadoras de Leilía, seguindo o fío da novela Agora que vén a noite de Marcos Calveiro (Galaxia), guiarán o público nunha viaxe dende o presente cara ao pasado, para entender de onde vén a música galega actual, posibilitar o encontro da mocidade co patrimonio inmaterial galego e revitalizar o legado das cantareiras.  A función está destinada a todo o alumnado do IES Lamas de Castelo e compleméntase co agasallo previo de cadanseu exemplar do libro de Marcos Calveiro, que xa están traballando nas aulas.

Data: xoves, 15 de maio.

Lugar e hora: IES Lamas de Castelo, en horario escolar.

Destinatarios/as: alumnado de ESO do IES Lamas de Castelo.

 

Muiñada | Galeatro

Espectáculo de teatro sobre o cancioneiro popular e o patrimonio inmaterial de Galicia. Sabela e Xacobe encóntranse no muíño por un malentendido coas quendas e, ao veren que non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión. Da man dos mozos protagonistas e mediante a música, as cantigas e o xogo, o público infantil coñecerá a relevancia dos muíños de auga na cultura galega e todo canto acontecía ao ser redor. Muiñada levará os nenos e as nenas de viaxe ao pasado, para coñecer de onde vimos e comprender a importancia de que non esmoreza o legado das nosas avoas e dos nosos avós.

Data: venres, 16 de maio.

Lugar e hora: CEIP de Carnota, en horario escolar.

Destinatarios/as: alumnado de educación infantil e primaria do CEIP de Carnota e o CEIP do Pindo.

 

Leo e a música | Trémola Teatro.

Espectáculo de teatro para bebés. Coa axuda de Leo, o león máis curioso de toda a selva, as crianzas vivirán novas aventuras e descubrirán toda a música que hai ao seu redor.

Data: venres, 23 de maio.

Lugar e hora: EI A Galiña Azul de Carnota, en horario escolar.

Destinatarios/as: alumnado de 0-3 anos da escola EI A Galiña Azul de Carnota.

 

Pelica de Burra | Vero Rilo e Luís Iglesias

Espectáculo-obradoiro de narración oral e música para a primeira infancia.

Despois dunha incrible viaxe no tempo, Pelica de Burra aterra nun futuro sen xogos, sen contos, sen música… nun futuro terrible. Ante isto, decide regresar ao pasado para atopar as palabras perdidas: “Peliquiña Meee, por aquí non é!, por aquí tampouco, entón… por onde?” Este retrouso levaranos cara a solución dun mundo sen diversión.

Música, narración oral, tradición, xogos de colo, arrolos, igualdade e moito conto é o que atoparemos nesta proposta da narradora e educadora Vero Rilo e o músico Luís Iglesias.

Esta actividade forma parte do programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística.

Data: venres, 30 de maio.

Lugar e hora: salón de actos do Concello de Carnota | 17:30 h.

Destinatarios/as: familias con crianzas de 0 a 4 anos.

Requírese inscrición previa (cultura@carnota.gal ou 981 1063 31). Prazas limitadas (20 crianzas acompañadas de cadansúa persoa adulta).