O Concello de Carnota e os clubs locais Carnota Runners e O Jerreiro, veñen de organizar a X edición do Trail Viquingo o pasado domingo 23 de febreiro. Un ano máis, o número de inscricións superou o de edicións pasadas, chegando a alcanzar as 364 persoas inscritas, cun alto nivel de participación e cun aumento significativo da participación da rapazada.
A saída e a chegada realizáronse no pavillón de Lamas de Castelo onde tivo lugar tamén a entrega de trofeos por parte do alcalde, Juan M. Saborido, e do concelleiro José Manuel González. Os premiados foron galardoados cunha figura dun barco viquingo elaborado por Adisbismur.
Durante toda a mañá do domingo celebráronse distintas probas para todas as categorías. Empezaron os adultos co trail longo, cun percorrido de cerca de 24 km con gran desnivel, e o trail curto, con aproximadamente 12 km. A rapazada tamén percorreu o monte de Pedrafigueira cun total de 1 km para os Cativos I e 3 km para os Cativos II. Os máis pequenos da casa correron por asfalto, un total de 200 m na categoría Pitufo e 50 m na categoría Chupete.
O primeiro en completar a proba de 24 km foi Rubén Ínsua Díaz, da Asociación Deportiva Olimpia de Cee, cun tempo de 1 hora e 52 minutos. Na categoría feminina a gañadora foi Banesa Atán Rodríguez, do Club Serres Runners, cun tempo de 2 horas 46 minutos.
No trail curto o gañador foi Manuel Pais Tajes, que completou o traxecto en 1 hora, e a gañadora nos 12 km foi Eva González Lestón, cun tempo de 1 hora e 25 minutos.
Na categoría Cativos II o gañador absoluto foi Manuel Formoso Formoso e a gañadora, Judit Barros Campos. En Cativos I os primeiros en alcanzar a meta foron Isma Barros Campos e Celia Mella Rama na categoría feminina.