Con motivo da celebración do Día de Rosalía, o Concello de Carnota, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convocou o Concurso de poesía ilustrada “Rosalía viva. Viva Rosalía!, dirixido ao alumnado de educación infantil e primaria do CEIP Plurilingüe de
Carnota e o CEIP Plurilingüe do Pindo.

Con esta proposta preténdese estimular a creatividade do alumnado e divulgar e pór en valor a figura de Rosalía, o seu pensamento e a súa obra, mediante a recreación plástica dos seus poemas. Procúrase, asemade, fomentar a lectura e o libro en galego na infancia.

O concurso contempla catro categorías e un único premio por cada unha delas, que consiste nun bono por valor de 50 euros para trocar por libros en lingua galega na Libraría Chorima, destinados á biblioteca da aula do alumnado gañador.

O 19 de febreiro de 2025 reuniuse o xurado nomeado para valorar os traballos presentados ao concurso e outorgar o premios correspondentes. Constitúen o xurado os seguintes membros:

  • Jessica Martínez Maceiras, libreira da Libraría Chorima.
  • Reyes Quintela Vázquez, educadora familiar do Concello de Carnota.
  • Ita Beiro Agulleiro, técnica de normalización lingüística do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos.

Logo de valorar os traballos presentados en cada unha das categorías e tendo en conta a orixinalidade, a creatividade e a sensibilidade artística, así como a capacidade de evocación e representación do sentido dos textos rosalianos, o xurado resolveu declarar premiados os seguintes poemas ilustrados:

Categoría Amoriñas das silveiras (alumnado de educación infantil).
Pseudónimo: Parchís Verde
Artistas: Vera López Quintela, Enzo Piñeiro González, Lúa Wren González Rama e ThiagoAlves Maceiras.
Centro: CEIP Plurilingüe de Carnota.
Poema: “Vente, rapasa”, de Cantares gallegos.

Categoría Campaíñas timbradoras (alumnado de 1º e 2º de educación primaria)
Pseudónimo: Corazonciño.
Artistas: Katia Costa Rodríguez, Ero Lariño Senande, Martín Louro García e Aday Vílchez Lago.
Centro: CEIP Plurilingüe de Carnota .
Poema: “Unha vez tiven un cravo”, de Follas novas.

Categoría Paxariños piadores (alumnado de 3º e 4º de educación primaria)
Pseudónimo: Pataca Frita.
Artista: Ainhoa Piñeiro Zygowska.
Centro: CEIP Plurilingüe do Pindo.
Poema: “Adiós ríos, adiós fontes”, de Cantares gallegos.

Categoría Airiños, airiños, aires (alumnado de 5º e 6º de educación primaria)
Pseudónimo: Mariana.
Artista: Nadia Pérez Vigo.
Centro: CEIP Plurilingüe do Pindo.
Poema: “Pra a Habana”, de Cantares gallegos.

A entrega de premios terá lugar hoxe, 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna,
nos centros de ensino, logo da intervención teatral Sempre Rosalía, de Producións Dispersas.

Este programa é unha iniciativa do SNL do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, servizo financiado pola Deputación da Coruña.