O 23 de febreiro é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a escritora máis universal de Galicia, precursora da literatura galega e do pensamento feminista.
Como cada ano, o Concello de Carnota únese á campaña promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) arredor do Día de Rosalía, que nesta edición leva por lema “Saúde e Terra!”
O programa impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística para conmemorar a efeméride implica a comunidade educativa do municipio e ten por obxectivo pór en valor e revitalizar a figura de Rosalía de Castro, o seu pensamento e a súa obra.
Sempre Rosalía, intervención teatral de Producións Dispersas
O venres 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, a actriz Ana Ponte, caracterizada como Rosalía de Castro, e o actor Diego Freire, interpretando a un dos seus biógrafos, visitarán os centros de ensino de Carnota (IES Lamas de Castelo, CEIP Plurilingüe do Pindo e CEIP Plurilingüe de Carnota) para, en clave de humor, presentarnos a unha Rosalía que rompe cos estereotipos e reducionismos asentados arredor da súa figura ao longo da historia, fuxindo da imaxe falseada e edulcorada da autora imposta durante anos.
Concurso de poesía ilustrada “Rosalía viva. Viva Rosalía!”
O Concello de Carnota convocou un concurso escolar de poemas ilustrados de Rosalía de Castro, dirixido ao alumnado de educación infantil e primaria do CEIP Plurilingüe de Carnota e o CEIP Plurilingüe do Pindo.
Con esta proposta preténdese estimular a creatividade do alumnado e divulgar e pór en valor a obra de Rosalía de Castro, mediante a recreación plástica dos seus poemas. Procúrase, asemade, fomentar a lectura e o libro en galego na infancia.
O concurso contempla catro categorías:
Amoriñas das silveiras (alumnado de educación infantil)
Campaíñas timbradoras (alumnado de 1º e 2º de primaria)
Paxariños piadores (alumnado de 3º e 4º de primaria)
Airiños, airiños, aires (alumnado de 5º e 6º de primaria)
O alumnado pode participar de forma individual ou en grupos formados por un máximo de 5 persoas.
Establécese un único premio para cada categoría, que consistirá nun bono por valor de 50 euros para trocar por libros en lingua galega na Libraría Chorima, destinados á biblioteca da aula do alumnado gañador. Ademais, para premiar a participación, todo o alumnado que concorra ao concurso recibirá un pequeno agasallo.
O xurado, constituído por representantes do Concello de Carnota e da Libraría Chorima, valorará a creatividade, a orixinalidade, a calidade e o coidado posto nas composicións, así como a coherencia e adecuación ao obxecto do concurso.
A decisión do xurado darase a coñecer o 21 de febreiro de 2025, Día Internacional da Lingua Materna.
Este programa é unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, financiado pola Deputación Provincial da Coruña.