A uns días de que dea comezo o novo curso na Escola Municipal de Música de Carnota, está todo listo e preparado.

Dende a ESMU de Carnota pensamos que era imposible superar o teito das 200 personas matriculadas nun pobo tan pequeno, pero voltamos bater récord e houbo 222 solicitudes de inscricións.

Cun elenco de 5 mestres e mestras é imposible atender a todo o alumnado, polo que algunhas solicitudes seguen en lista de espera a que haxa un oco para poder obter horario.

Os/as Mestres levan anos na ESMU, traballando cóbado a cóbado xuntos para que esta escola funcione como unha equipa sen fisuras. Eles son:

–          Castor Montes Quintillán: Mestre de guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico e ukelele.

–          Carlos González Giráldez: Mestre de batería, percusión, combos e Linguaxe Musical.

–          Ramón Domínguez Calvo: Mestre de gaita, pandeireta, música tradicional e director da Coral Polifónica da ESMU

–          Ana Blanco Gómez: Mestra de Linguaxe Musical, Música e Movemento, Piano, Canto e as colectivas infantiles de Orquestra Orff e Canto.

–          Alianza Uhía Patiño: Mestra de Linguaxe Musical, Piano e Organización e Dirección do centro.

Na ESMU de Carnota non só se dan clases de instrumentos, aquí tamén se fan actuacións musicais de grupos profesionais, concertos didácticos por parte de músicos invitados e amigos (grupos formados xa, que veñen á que foi a súa escola para falar e tocar co novo alumnado como foi o caso dos The Rapants, de Adhara e Ritman, dos Deleiba, dos Lisdexia, dos The Balayos, de Xur, etc ), fanse masterclass interesantes para a vida dos músicos aficionados (coidado de instrumentos da man de Toxo luthier, grabación e edición de videos musicais, coidado da voz, a historia do piano, etc).

O noso alumnado tamén fai microconcertos durante o ano na propia escola, temos saídas a mostrar a nosa arte á gardería, centro de día, instituto, etc e a nosa Coral Polifónica mostra as súas grandes voces ao longo de toda Galicia e tamén no noso propio pobo, xa que as comisións de festas contan sempre con ela para a honra dos patróns/oas (cousa que aproveitamos para darlles as grazas) e o grupo das pandereteiras que sempre se apuntan a amenizar calquer festa, a un bombardeo, coa mellor música tradicional, coa mellor vontade e co seu sorriso permanente.

Este curso contaremos tamén cunha persoa tres tardes á semana, para botarnos unha man coa cativada entre clase e clase, a organización, as consultas, etc.

E xunto con todo isto, o día a día do curso, os 5 mestres e os máis de 220 alumnos/as radica o éxito desta escola, que sempre catalogamos como unha gran familia.

Comezamos o martes un de outubro no Viso!

Que viva a MÚSICA! Que viva a ESMU DE CARNOTA!!