En marzo do 2021, dende o Concello de Carnota presentouse unha humilde proposta á Armada Española para dotar ao futuro BAM-IS (Buque de Acción Marítima Intervención Subacuática) co nome de “ARIETE CARNOTA” co fin de que perdurara no tempo o heroico rescate que se realizou na praia de Ardeleiro (Lira) en febreiro de 1966 do Destrutor D-36 “Ariete”, salvando a totalidade da súa tripulación, 168 vidas. Ante esta solicitude a Armada comunicou que para o dito buque xa tiñan previsto o nome de “Poseidón”, pero que a proposta, fundamentada nuns feitos que puxeron de manifesto de maneira fidedigna o valor e a xenerosidade dos veciños de Carnota, teríase en conta para futuras incorporacións.

A iniciativa xurdía a nivel particular por parte dun veciño de Carnota, D. Francisco Vilabrille Caamaño, membro do Corpo Nacional de Policía e apoiada por colectivos e asociacións do municipio como as confrarías de pescadores de Lira e do Pindo e a asociación de empresarios de Carnota, pero foi dende o Concello, dirixido polo alcalde socialista D. Juan Manuel Saborido, dende onde se realizou a petición e a comunicación coa Armada, co fin de honrar a memoria das persoas que realizaron aquel heroico rescate, arriscando as súas vidas para salvar as alleas. Por este motivo, Carnota leva no seu escudo a lenda de “Muy Humanitario”, honor do que hoxe en día se fai gala e que é motivo de orgullo para a súa poboación.

O pasado 20 de setembro, o Concello de Carnota recibía unha notificación, por parte da Armada Española na que se informaba da incorporación prevista dun novo buque con base en Ferrol, así como a autorización para que levara por nome “CARNOTA”, poboación á que estará unido dende o mesmo momento en que entre en servizo na Armada.

O “Ocean Osprey”, que é o actual nome do buque, foi adquirido recentemente pola Armada. O barco entrará en servizo na Armada como buque loxístico multipropósito e remolcador. Está previsto que cause alta antes de final do presente ano e terá o numeral A-61. A embarcación foi construída polo asteleiro español Zamakona Yards (Bilbao) en 2014 para o armador noruegués Atlantic Offshore e tivo como porto base Aberdeen, en Escocia, e Bergen (Noruega).

Aproveitamos este comunicado para dar as grazas a Francisco Vilabrille Caamaño pola súa iniciativa, dedicación e tenacidade e tamén a Armada Española por tomar en consideración a nosa humilde proposta.