A menos dun mes para a celebración da X Mostra de Promoción Local Víndemo Ver-Mercado da Deputación, que terá lugar os días 6, 7, 8 e 9 de abril.

Un ano máis a praza de San Gregorio de Carnota acollerá unha gran variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores locais dentro do “Mercado da Deputación”.
Ademáis destes espazos, distribuiranse pola praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.

O evento contará tamén cunha ampla oferta de actividades paralelas como:

A X BTT. Será o venres 7 de abril e a saída farase ás 09:30 dende o patio do CEIP plurilingüe de Carnota e haberá 2 percorridos, un longo e outro curto.
Nesa mesma mañá e paralela a BTT, organizarase unha xincana para a rapazada, coas súas propias bicicletas, tamén no patio do colexio, de 12:00 a 14:00. Para esta última actividade non é necesaria inscrición previa (idades recomendadas de 5 a 12 anos e obrigatorio o uso do casco).

Como xa ven sendo habitual tamén está incluída na programación unha andaina temática que este ano será “A ruta do millo”. O sábado 8 terá lugar a saída, ás 09:30, dende o hórreo de Carnota. Nela poderemos ver distintos exemplares de arquitectura popular vinculada ao millo como hórreos, muíños e eiras. Será unha ruta circular de arredor 9 km.

E un sin fin actividades lúdicas para a rapazada xogos tradicionais, circo, clowns xincanas, etc.
Tamén haberá actuacións culturais e música tradicional amenizando o ambiente da man dos Gaiteiros San Mamede, da Charanga Santa Compaña ou o coro de Chan de Lamas e tamén unha representación teatral da man da Agrupación Folclórica Ximiela de Louro dende o hórreo de Carnota  ata o Mercado da Deputación con actuación final no palco o sábado 8 de abril.

Para amenizar as noites haberá música e teatro. O xoves 6 de abril ás 22:00 Concerto de Chiña no posto de So’nos. O venres 7, ás 21:00h teremos Teatro Vero Rilo “Tralalareira” e a partir das 23:00 Concerto de “La Banda de ayer”. E para rematar, o sábado 8, a partir das 22:00 os Concertos de Leilía e La Quinkillada.

Os asistentes/as poderán tamén visitar durante os catro días as seguintes exposicións na carpa grande, no posto do Concello de Carnota-Deputación da Coruña:

• Maqueta “A época dourada do millo en Carnota”
• Exposición de aparellos de labranza do S.XX “Debullando na memoria de Carnota”.

A feira estará ambientada nos comezos do século XX. A praza de San Gregorio converterase no escenario dun mercado de principios do século pasado. Para contribuír a recrear este ambiente, convidámosvos a acudir caracterizados para a ocasión!

Consulta o programa