O sábado 25 de febreiro, ás 12:30 h, o salón de actos do Concello de Carnota acollerá a presentación do libro Conto de Quilmas, da autora carnotá Guadalupe Vázquez Formoso, que estará  acompañada polo alcalde, Juan Manuel Saborido Rama, e pola Agrupación Musical Chan das Lamas de Quilmas.

Tras publicar tres contos infantís bilingües, protagonizados polo saltón Saltarín, a autora estréase no mundo da ficción para persoas adultas con Conto de Quilmas, unha novela curta con prólogo de Francisco Xosé Fernández Naval, publicada pola Editorial Medulia co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Xacobeo 21-22.

Nesta obra, ambientada en Carnota, en Quilmas, Guadalupe recolle e pon en valor a nosa riqueza lingüística, palabras e expresións xenuínas que nos definen como pobo, como colectividade, e que nos fan únicos.

En palabras da propia autora, Conto de Quilmas é “un percorrido por momentos, lugares, persoas e, sobre todo, voces que volven á vida, ou se aferran a ela, a través desta narración, froito dun traballo de recompilación de palabras e expresións que -triste e inevitablemete- se están a perder por entre a bruma do mar e da memoria”.