A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas oficiais para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
As persoas que desexen participar nestes cursos deben acceder á Plataforma de Teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://formacion-lingua.xunta.gal/), seleccionar o curso que desexen solicitar e cubrir a solicitude de inscrición. Cada persoa poderá inscribirse nun único curso.
O prazo de presentación das solicitudes de inscrición estará aberto entre o 13 de febreiro e o 3 de marzo de 2023.
No caso de que un curso teña máis solicitudes ca prazas dispoñibles, a asignación farase a través dun sorteo aleatorio público, polo que a orde de entrada das solicitudes será indiferente.
As persoas que soliciten un curso en liña deben dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo os seguintes requisitos técnicos:
• Un ordenador con conexión a internet (de banda larga).
• Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox).
• Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude.
• Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).
As persoas con necesidades educativas especiais que precisen apoio para realizar un curso presencial deben indicar na súa solicitude de inscrición o apoio concreto que necesitan, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ligazón á convocatoria:
Resolución do 31 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Máis información:
Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carnota