Programa de actividades arredor das Letras Galegas 2022

O Concello de Carnota presenta o programa Maio, mes das Letras para o 2022, impulsado pola Concellería de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística no marco da celebración das Letras Galegas, que nesta edición inclúe actividades de dinamización lingüística e cultural para todos os públicos: infancia, mocidade e persoas adultas.

Brincadeiras da Lingua | Migallas Teatro.

Espectáculo para divulgar a inmensa riqueza da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada. Música, contos, xogos, recitados e moito máis. A diversión está asegurada!

A actividade está dirixida ao alumnado do CEIP do Pindo e terá lugar o 12 de maio, durante a xornada escolar, no propio centro educativo.

Moita, moita poesía | Aldaolado

Música, poesía e humor da man de Lucía Aldao e María Lado, para o alumnado do IES Lamas de Castelo. O espectáculo terá lugar o 19 de maio, durante a xornada lectiva, no centro de ensino.

Rilla rilla na Lingua | Xarope Tulú.

Espectáculo teatral dirixido ao alumnado do CEIP de Carnota, con formato de concurso, onde a rapazada poderá poñer a proba os seus coñecementos sobre a lingua galega.

Rilla rilla é un espectáculo dinámico e divertido que procura pór en valor a riqueza dialectal do noso idioma. Será o 20 de maio, durante a xornada escolar, no CEIP de Carnota.

A parábola do angazo | Talía Teatro.

Unha comedia para público mozo e adulto, dirixida por Diego Rey e protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais, que continúa a liña de Bicos con lingua e Pelos na lingua.

A función terá lugar o 20 de maio, ás 21 horas, no salón de actos do Concello de Carnota. A entrada é libre e de balde.

Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán

As Letras Galegas deste ano 2022 están dedicadas á figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987).

A súa biografía percorre practicamente todo o galeguismo do século XX, con fitos ilusionantes como o Seminario de Estudos Galegos (1923), o rexurdimento literario dos anos 30 e a defensa do Estatuto de Autonomía de 1936, e experiencias dramáticas como a guerra civil (1936-1939) e o exilio.

Máis información sobre o autor:

https://academia.gal/letras-galegas/2022/florencio-delgado-gurriaran