O sábado, 23 de abril, é o Día Internacional do Libro. O Concello de Carnota, a través da Axencia de Lectura Municipal, e mais o CEIP de Carnota, celebrámolo ao longo desta semana cunha serie de actuacións destinadas ao fomento do libro e da lectura e á divulgación do servizo bibliotecario.

Visitas escolares guiadas á biblioteca

Dende o martes ata o xoves, o alumnado de todos os cursos de infantil e primaria do CEIP de Carnota visitará a Axencia de Lectura Municipal para coñecer os recursos e servizos que ofrece. A rapazada percorrerá as distintas seccións da biblioteca e terá oportunidade de explorar libremente o fondo da sección infantil. Ademais, haberá sesión de contacontos para os máis pequenos.

Eu amo ler, chapas conmemorativas.

No marco da celebración do Día do Libro, a Axencia de Lectura Municipal agasalla chapas co lema “Eu amo ler”. Para facerse con unha, só hai que pasar pola biblioteca.

Lecturas compartidas ao aire libre promovidas pola Biblioteca Escolar do CEIP de Carnota.

O venres 22 de abril, se o permiten as condicións meteorolóxicas, a comunidade educativa do CEIP de Carnota sairá a ler á rúa. Ao longo da mañá realizaranse lecturas compartidas ao aire libre, abertas a quen se queira sumar. Na seguinte ligazón, pódense consultar os grupos e lugares onde se realizarán as lecturas. O Concello de Carnota participará nesta magnífica iniciativa do CEIP de Carnota e animámosvos a todas e a todos a facelo tamén.