A raíz dunha investigación de Sagrario Abelleira sábese que o 23 de febreiro é o verdadeiro día do nacemento de Rosalía de Castro. Por iso, a celebración do Día de Rosalía, que ata agora se celebraba o 24 de febreiro,  trasládase dende este ano para esta data.

O Concello de Carnota súmase á celebración da efeméride cun programa de actividades promovido dende o Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Cultura, que pretende involucrar a comunidade educativa e a veciñanza en xeral.

O luns 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, o alumnado do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo achegarase á autora a través do espectáculo Os poderes de Rosalía, una sesión de contacontos a cargo de Pedro Brandariz, que se desenvolverá nos propios centros educativos, en tres pases.

O 23 de febreiro realizarase unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro, aberta á toda a veciñanza, organizada conxuntamente polo Concello de Carnota e a Libraría Chorima. O acto terá lugar a partir das 12.00 h, na Praza de Galicia, fronte á libraría. Quen desexe participar pode achegarse ao lugar cun texto da autora xa escollido ou elixir algún dos que teremos dispoñibles para a lectura. Haberá bolígrafos conmemorativos para as persoas participantes.

O 24 de febreiro remataremos a celebración cunha lectura da obra rosaliana a cargo do alumando do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo, que terá lugar na Praza de San Gregorio, a partir das 11.30 h.