Dende o Departamento de Cultura informámosvos da programación do Entroido 2022 no Concello de Carnota:
Venres 25 de febreiro, 17:00 h – 19:00 h, no pavillón de Carnota:
Obradoiro de Entroido e Xogos de Tempo Libre da man de Infantilandia. Para esta actividade hai que inscribirse previamente na oficina de Cultura e Deportes do Concello de Carnota. Dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 12 anos.
Sábado 26 de febreiro:
Batukada pola vila. Un grupiño de persoas da asociación Vintepicopés de Carnota, ataviadas cos seus instrumentos de percusión, pasearán nun tren, con ritmo e sabor, polos bares e as rúas dos nosos lugares.
Comezarán pola mañá, sobre ás 12.00 h, no Pindo e pouco a pouco irán visitando todas as parroquias, ata acabar arredor das 18.00 h en Carnota, para unirse á nosa Festa de Entroido.
Festa de Entroido con inchables, posto lambereteiro a prol da ANPA do CEIP de Carnota e discoteca móbil!! Se o tempo o permite, será na praza de San Gregorio e se non, no pavillón de Carnota.
Ao final da tarde, sobre as 19.30 h, teremos un Concurso de Disfraces, con 3 premios para os mellores disfraces individuais e un premio (unha cea) para o mellor disfrace en grupo (mínimo 4 persoas). O xurado terá en conta a orixinalidade, a simpatía e a posta en escena.
Non importan as idades!
Para o concurso podédesvos inscribir cubrindo unha ficha de inscrición o mesmo día, na praza (ou no pavillón), entre as 17:00 h e as 18:00h.
Luns 28 de febreiro, ás 11.30 h, no salón de actos do Concello:
Contacontos para bebés (de 0 a 4 anos) da man de Raquel Queizás, con “A Viaxe de Nano”.
Nano é unha pequena ra que cada día vive unha nova aventura, porque cando se é tan pequena ata as cousas máis sinxelas se converten nun gran reto. A través de diferentes contos, cantigas, enredos, dun xeito lúdico, xogando, aprendemos na nosa lingua a coñecer o mundo que nos rodea.
Martes 1 de marzo, ás 11.30 h, no salón de actos do Concello:
“O libro xigante” é un conto teatralizado que nos achega Manuel Solla para público familiar.
Trátase dun espectáculo con monicreques, contos, maxia, animación, clown, música… Esta historia comeza cun libro xigante e máxico, no que aparecen personaxes fantásticos que traerán contos para contar, rir, cantar e facer maxia.
Mércores 2 de marzo, ás 12.30 h, no salón de actos do Concello:
Concerto para público familiar de música infantil en directo. Iuiluis XIII vén presentar o seu “Concerto atípico para familias” a Carnota, esperando que se goce dun concerto de verdade, con cancións ben coñecidas pola rapazada, no noso concello.
* Non haberá actividade na Escola de Música os días luns 28, martes 1 e mércores 2.
Dende o xoves 3 retomaranse todas as actividades nos horarios habituais.