O Concello de Carnota realizou recentemente a adecuación dunha senda de 3 km de longo que transcorre polas inmediacións do Bico do Santo con parada obrigada na Cruz do Santo dende onde se poden contemplar unhas das mellores vistas da praia e marismas de Carnota, dende Lira ata Caldebarcos, do Monte Pindo e de Fisterra ao fondo.

Durante esta actuación, tamén se realizaron tarefas de acondicionamento das áreas de estacionamento de Castelo e Lamas de Castelo así como a sinalización do percorrido a través de paneis informativos e direccionais.

O inicio desta ruta realizase dende Lamas de Castelo. No acceso que conduce á fervenza de Pedrafigueira atópase o panel de inicio deste pequeno itinerario que combina acolledores sendeiros entre árbores, pequenos regatos e fascinantes vistas.

 A ruta ofrece unha dificultade moderada agás no tramo de subida á Cruz do Santo onde o nivel de dificultade é alto e onde se colocaron tamén unhas cordas de suxeición para facilitar a subida.

A actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa de subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas por un valor de 30.000,00 €

Ver ruta: https://cutt.ly/SIiWZrj