Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra é unha campaña de divulgación da toponimia galega organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, para divulgar a riqueza dos nomes da terra e animar a veciñanza a participar na recuperación da microtoponimia.

O coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, impartirá unha charla aberta a toda a veciñanza sobre os nomes municipio de Carnota e sobre o funcionamento  de Galicia Nomeada, unha aplicación concibida para facilitar a recollida colectiva dos microtopónimos galegos, nomes tradicionais de veigas, chousas, leiras, devesas, fontes ou penedos que constitúen un patrimonio inmaterial único.

Ademais, explicarase con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro…), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos.

O relatorio terá lugar o 5 de novembro, ás 19.00 h, no salón de actos do Concello de Carnota. A participación é libre, ata completar a cabida do local.

Máis información, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello (981 106 331).