O Obradoiro de Emprego Portaventosa, promovido polos concellos de Muros e Carnota, arrincou o pasado venres cun acto de benvida aos vinte alumnos que, ao longo de nove meses, recibirán formación e traballarán nas especialidades de “Traballos de Carpintería e Moble” e “Aproveitamentos Forestais”.
O acto, celebrado na Fábrica de Sel muradá, contou coa presenza de representación institucional dos dous concellos, entre os que se atopaban a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo e a primeira tenente de alcalde de Carnota, Mercedes Noceda.
A elas sumáronse o profesorado, o director do obradoiro e os alumnos-traballadores.
A iniciativa está financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade e contará cunha etapa de formación en alternancia co traballo ou práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.