A Biblioteca Escolar do IES Lamas de Castelo e a Libraría Chorima, coa colaboración do Concello de Carnota, a través do SNL e da Axencia de Lectura Municipal, convocan un concurso de microrrelatos en lingua galega para conmemorar o Día das Escritoras 2021, que se celebrará o vindeiro 18 de outubro.

O concurso está dirixido ao alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do municipio e ten por obxecto estimular a creatividade literaria mediante a escrita de microrrelatos arredor do tema proposto pola Biblioteca Nacional de España para a edición de 2021 do Día das Escritoras: “Ler as idades da vida”.

Establécense catro categorías diferentes e un premio para cada unha delas, que consistirá nun lector de libros electrónicos, un libro en formato impreso e mais un lote de material escolar.

Os traballos poderanse entregar na biblioteca de cada un dos centros escolares ata o 14 de outubro de 2021.

O xurado, formado por unha representante da Libraría Chorima, unha profesora de Lingua Galega do IES Lamas de Castelo e unha representante do Concello de Carnota (SNL/Axencia de Lectura Municipal), dará a coñecer o seu fallo o 18 de outubro de 2021, data escollida para a celebración do Día das Escritoras en 2021.

O Día das Escritoras é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España organizada en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas, co obxectivo de reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia. Este ano alcanza xa a súa sexta edición, e conta co comisariado da poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños.

Máis información sobre o Día das Escritoras: https://diadelasescritoras.bne.es/

Consulta as bases do concurso: