Hoxe tiña lugar a presentación do proxecto “DugiumArt” na lonxa vella de Portocubelo ás 12:00h., unha iniciativa enmarcada dentro do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia que consiste na realización dun mural no peirao de Portocubelo levado a cabo polo artista carnotán Nando Lestón.
Durante a celebración do acto de presentación interviu o alcalde Juan M. Saborido Rama, que resaltaba que con esta iniciativa o que se pretendía era ampliar a oferta cultural e de ocio a través dunha actuación que representara os valores de Carnota e que fose o máis accesible posible.
O artista Nando Lestón, falou sobre o que representa o mural e o proceso de elaboración do mesmo así como algunha anécdota acontecida durante o proceso.
A presidenta da Asociación de Empresarios de Carnota, Olga Formoso Beiro, tamén quixo deixar constancia de que dende a asociación valorase positivamente este tipo de iniciativas municipais que amplían a oferta cultural e que en menor ou maior medida repercuten positivamente na economía local.
Concluía a rolda de intervencións Maria Barreiro, xefa territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, que falou do bo aprobeitamento dos fondos de “O teu Xacobeo” que se está a realizar con iniciativas como esta.
Unha vez feitas as intervencións, os/as asistentes desplazaronse uns metros para poder contemplar o mural in situ e puideron acceder, a través dun código Qr situado nunha placa próxima ao mural, á audioguía onde o propio Nando Lestón realiza unha pequena interpretación do mural e que xa está dispoñible para todo aquel que se acerque a ver a obra a Lira.
A audioguía está dispoñible en 4 idiomas, galego, castelán, inglés e francés e a información da placa está dispoñible tamén en braille.