Carnota ven de estrear o mural “DugiumArt” no peirao de Portocubelo (Lira). O proxecto do Concello de Carnota, está enmarcado dentro do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Trátase dun mural que abarca arredor de 50 metros de peirao e que foi realizado por Nando Lestón.

A proposta que nos presenta o artista carnotán, fala do encontro entre o Apóstolo e máis a Raíña Lupa, no noso territorio; todo elo enmarcado ca representación dunhas vidrieiras que nos fala de que o verdadeiro Camiño é un “camiño de lus”.

O Concello de Carnota pretende que este mural sirva de escaparate e que transmita os valores locais e do Camiño de Santiago pola Costa e que, ao mesmo tempo, contribúa a diversificar os fluxos turísticos do concello, sen deixar indiferente ao espectador.

O lugar elixido para a elaboración deste mural foi o peirao de Portocubelo por ser este un espazo accesible e sen barreiras arquitectónicas que dificulte o acceso ao mural. O proxecto inclúe ademáis distintas accións dirixidas a públicos diversos e a favorecer a inclusión das cales iremos informando a medida que se vaian instalando.