Dende a fatídica xornada do 25 de febreiro de 1966, na que o destrutor “Ariete” D-36 embarrancou na nosa costa, o municipio de Carnota mantén un vínculo especial coa Armada Española. Ignorando o alto risco para as súas vidas no medio dun bravo temporal, os humildes habitantes desta vila arriscaron as súas vidas para salvar as da totalidade da dotación do destrutor, 168 vidas, cos escasos medios dos que dispoñían. En recoñecemento ao seu valor e ao servizo prestado, concedéuselle ao Concello de Carnota o título de “Moi Humanitario”, honor do que hoxe en día se fai gala e é motivo de orgullo para gran parte dos seus habitantes.

O pobo de Carnota non esquece ao Ariete e a dotación do Ariete nunca poderá esquecer a Carnota e, en especial, ao pobo de Lira. A día de hoxe, nese mesmo lugar, na praia de Ardeleiro, preservan a memoria do sucedido un áncora cedida pola Armada, un monólito gravado co nome e a silueta do Ariete, xunto á data do accidente e un panel informativo; e na fachada da Casa Consistorial consérvase unha placa de bronce cos nomes das persoas que participaron no rescate, cedida no seu momento pola Armada.

O Concello de Carnota, coñecedor da inminente construción dun barco en Porto Real (Cádiz), cuxa principal misión será o salvamento e rescate de submarinos, a realización operacións de intervención submarina e que poderá ademais asumir labores de apoio a operacións navais, de intervención en accidentes no mar e a vixilancia e monitorización do patrimonio subacuático, presentoulle no mes de marzo unha humilde proposta á Armada Española para dotar ao dito barco co nome de “ARIETE CARNOTA”, a fin de que perdure no tempo o heroico rescate, así como na memoria de toda a Costa da Morte e de Galicia.
A iniciativa, que xurde a nivel particular dun veciño de Carnota, membro do Corpo Nacional de Policía, e apoiada por colectivos e asociacións do Concello como as Confrarías de Pescadores de Lira e do Pindo, a asociación de empresarios e da hostalaría de Carnota, é levada a cabo por parte do Concello de Carnota, co fin de honrar a memoria das persoas que realizaron aquel heroico rescate, arriscando as súas vidas para salvar a allea, sen ningún tipo de miramento.

O BAM-IS terá unha eslora de 85 metros, manga de 18 e 5 metros de calado. Desprazará 5000 toneladas e terá capacidade para 48 persoas na súa configuración estándar, aínda que con adaptacións poderá acoller ata 84. Disporá dunha cuberta con heliporto na proa do buque e a plataforma de popa ofertará unha gran superficie destinada a acoller os sistemas modulares de intervención submarina e unha grúa de gran capacidade.