A pandemia ocasionada pola Covid-19 obríganos novamente a celebrar a festividade de San Xoán nunhas circunstancias especiais, co fin de minimizar riscos e manter controlada a incidencia no municipio.  

Póñense en coñecemento de toda a veciñanza as normas que se deberán cumprir na realización de laradas, sardiñadas e actividades similares na noite do 23 ao 24 de xuño de 2021.

  1. Non está permitido facer laradas, sardiñadas ou outras actividades similares en espazos públicos (praias, rueiros e vías públicas, prazas, parques, etc.), en terreos forestais nin nas proximidades de masas arbóreas. Só se poderán realizar laradas en terreos privados.
  2. As persoas, asociacións ou comunidades que desexen realizar unha larada deberán presentar unha comunicación no Concello de Carnota, segundo o modelo establecido, antes das 14 horas do día 22 de xuño de 2021.
  3. As laradas situaranse en lugares seguros, de modo que non exista perigo de propagación ás vivendas, instalacións ou terreos próximos. Poñerase especial coidado en non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como cerca de vehículos ou locais onde se almacenen produtos inflamables. Deixarase unha franxa de polo menos 15 metros libre de calquera elemento combustible. Así mesmo, as laradas deberán estar afastadas, polo menos 50 metros, de masas arbóreas e forestais.
  4. Está prohibida a utilización de líquidos inflamables e aerosois, así como a queima de residuos e materiais contaminantes (plásticos, pinturas, pneumáticos, colchóns, espumas de poliuretano, aceites…).
  5. As laradas deben estar vixiadas polas persoas responsables en todo momento e ata que o lume estea completamente apagado, o que deberá asegurarse empapando os restos con auga.
  6. Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Se iniciado o lume se levantase vento, deberá extinguirse a larada.
  7. O número máximo de persoas que se poderán reunir en grupo para a celebración desta festividade, tanto en interior coma en exterior, axustarse ao disposto na normativa sanitaria vixente no momento da celebración.
  8. As laradas poderán ser revisadas polos servizos municipais para comprobar o cumprimento da normativa.

 

Descarga: