O Concello de Carnota, a través da Concellería de Cultura e Turismo, quere facer partícipe á veciñanza do proxecto de realización dun mural para o peirao de Portocubelo (Lira), enmarcado dentro do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, que será realizado polo artista carnotán Nando Lestón.

Dentro das actividades que se van levar a cabo arredor deste proxecto inclúese unha excursión aos concellos de Muxía e Fisterra, con fin de propiciar un achegamento entre as persoas participantes e os peregrinos que realizan a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra, con especial interese naqueles que fagan o regreso a Santiago pola costa. Tamén se realizará unha visita guiada por Muxía para ver distintos murais. A excursión terá lugar o vindeiro día 8 de maio.

Con esta iniciativa búscase a implicación da poboación local, de modo que poidan contribuír e transmitirlle ao artista as súas sensacións, impresións e ideas e que poidan ser finalmente plasmadas no mural “DugiumArt”.

Tendo en conta que a arte visual é sempre unha aposta pola orixinalidade e a creatividade, o que pretende o Concello de Carnota con este mural é que sirva de escaparate e que transmita os valores locais e do Camiño de Santiago pola Costa e que, ao mesmo tempo, contribúa diversificar os fluxos turísticos do concello, sen deixar indiferente ao espectador.

As persoas que estean interesadas en participar neste proxecto e, polo tanto, na excursión, deberán inscribirse previamente a través dalgún dos seguintes medios:
          • Correo-e: turismo@carnota.gal
          • Teléfono 981857032
          • Departamento de Cultura e Turismo do Concello de Carnota