O Concello de Carnota instala contedores para recollida de crebas nos accesos a 5 das súas praias. Trátase de figuras en forma de peixe que buscan xerar maior vistosidade minimizando o impacto.

Cada parroquia conta con un exemplar nas proximidades das praias de Lariño, Mar de Lira, Carnota, Boca do Río e O Pindo.

Con esta medida o Concello pretende concienciar en materia ambiental e fomentar a reciclaxe dos refugallos que se xeran nas praias para manter limpo o noso litoral.

Dende o Concello de Carnota somos conscientes da necesidade de manter limpas as nosas praias, un dos principais atractivos do municipio, así como de reciclar e xestionar correctamente os residuos. A instalación destas figuras ten como finalidade recordar á poboación local e visitantes que o coidado das praias é cousa de todos e que debemos manter limpo e en bo estado de conservación o medio ambiente e o medio mariño, tan importante para o abastecemento de bens de consumo e para a economía local.

Cada contedor posúe unha placa con indicacións para unha correcta utilización por parte das persoas usuarias:

” Este peixe só se alimenta de crebas do mar. Non lle deas de comer materiais orgánicos nin os teus residuos; deposítaos no contedor máis próximo. Despois recolleremos os residuos e reciclarémolos, porque preservar o medio ambiente é para nós unha cuestión primordial. Colabora e mantén limpa a praia e a contorna”.

 

Esta iniciativa está financiada co Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia.

 

Boca do Río

Praia de Lariño

Mar de Lira