O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso asinaron un convenio que establece que a FAEPAC analizará as facturas eléctricas municipais e asesorará o concello en todas as actuacións que desenvolva en materia enerxética.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Carnota en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas nacionais e europeas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.