Programación cultural para o mes de outubro

Como é sabido, a Real Academia Galega pospuxo para o 31 de outubro o acto oficial de conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, e trasladou para este mes a programación de actividades presenciais arredor da celebración.
O Concello de Carnota retoma tamén no mes de outubro as actividades presenciais programadas arredor do Día das Letras Galegas, que quedaran aprazadas en maio por mor da crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

A programación artellada polo Concello de Carnota, a través do Departamento de Cultura e do Servizo de Normalización Lingüística, inclúe un amplo abano de actividades en presencial para todos os públicos, que se desenvolverán ao longo de todo o mes, no salón de actos do Concello de Carnota, con aforo limitado e con todas as medidas de seguridade requiridas pola situación sanitaria que atravesamos. Para asegurar praza nos distintos espectáculos recoméndase realizar unha reserva previa (Espectáculos infantís: 981 106 331 ou cultura@carnota.gal. Espectáculos para público adulto: 647 459 445).

Espectáculos para público infantil:

2 de outubro, ás 17:30 h

A tortoise, un can, two monsters e un pícnic, de Pérez & Fernández. Espectáculo teatral para público infantil e familiar. Idade recomendada: a partir de 3 anos.

8 de outubro, ás 17:30 h

Barquiño de pau, da Tropa de Trapo. Teatro de obxectos e música para a primeira infancia. Idade recomendada: de 0 a 6 anos.

9 de outubro, ás 17:30 h

Unha maxia diferente, co Mago Paco. Espectáculo de maxia infantil e narración oral dende unha perspectiva de xénero. Idade recomendada: a partir dos 3 anos.

23 de outubro, ás 17:30 h

Patrimonio natural, con Gloria Mosquera e Tomi López, de Mamá Cabra. Concerto de música infantil. Idade recomendada: a partir dos 3 anos.

28 de outubro, ás 17:30 h

As pitas baixo a choiva, de Teatro Ghazafelhos. Adaptación teatral do relato de Ricardo Carvalho Calero. Idade recomendada: a partir dos 3 anos.

Espectáculos para público adulto:

16 de outubro, ás 21:00 h

Loló e mamá, con De Ste Xeito Producións. Espectáculo teatral de humor fino e acedo que aborda as relacións entre unha nai e unha filla.

30 de outubro, ás 21:00 h

Epístola ás neofalantes, de Aldaolado. Espectáculo de poesía, música en directo e humor, no que as poetas Lucía Aldao e María Lado, coa retranca que as caracteriza, reflexionan sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.